Que veña Mr. Marshall!




A este rincón escondido non é doado chegar. Alguén sabe onde está?


Lin non sei moi ben onde, ó fío do Facebook sen dúbida, que cánto menos patrimonio había en Inglaterra que en Galicia, e cánto máis o aproveitaban aló. Vamos, que que farían eles, os ingleses, se tivesen o patrimonio que hai aquí!

Descoñezo se esta afirmación é certa en tódolos seus termos. Algúns deles son moi difíciles de valorar, como ese “grado de proveito” que os galegos non somos quen de acadar. Pero respecto a outro máis obxetivo, o da cantidade e calidade de elementos patrimoniais existentes, ignoro se realmente Galicia supera tan amplamente a Gran Bretaña; nen sequera me parece relevante.

Pois o que sí é certo é que o patrimonio cultural galego é abundantísimo, que moito del está situado no rural e que, salvo en excepcións, está esquecido, dado de lado e abandonado. Seguramente as causas deste fenómeno son múltiples. Para empezar, a vía máis natural para que estes inmobles e conxuntos se conserven é que estén en uso. Pero nun rural progresivamente despoboado, sen actividades con forza económica suficiente para fixar poboación, e con poucas perspectivas de telas, rehabilitar e manter estas propiedades en moitos casos simplemente non ten sentido. Ademáis, tampoco se da outro factor necesario: que socialmente se aprecien estes bens e se prefiran a outros máis modernos ou de nova construcción.

De acordo coa Lei de Patrimonio de Galicia, integran o Patrimonio Cultural de Galicia, “o patrimonio cultural de Galicia está constituido por todos os bens materiais e inmateriais que, polo seu recoñecido valor propio, haxan de ser considerados como de interés relevante para a permanencia e identidade da cultura galega a través do tempo”. Todo o desenvolvimiento legal en torno ó patrimonio cultural resulta necesario e básico, pero non podemos esquecer que actúa principalmente nun sentido defensivo, como base para establecer un sistema de protección dese patrimonio ante situacións de dano ou expolio. Pero a lexislación, como case sempre, sola e aillada, non basta para cambiar mentalidades, aínda que pode xerar condicións favorables para que estos cambios se den.  Conseguir que o aprecio social por estes bens sexa tan forte que os prefiramos á hora de utilizalos e habitalos é algo que non corresponde ó ordenamento jurídico e sobre o que as institucións competentes non teñen potestade.

Fai uns días vin parte din capítulo do programa de V Televisión “Informe en V” titulado “Tesoros en Venta” , que falaba sobre propiedades inmobiliarias peculiares á venda en Galicia. Había todo tipo de bens e todos eran espectaculares; salvo unha vivenda na Ría de Betanzos, moderna e sen elementos diferenciadores, todos os que cheguei a ver tiñan ademáis un gran valor desde o punto de vista patrimonial, fose etnográfico, cultural e/ou artístico: casas grandes, un conxunto etnográfico con muiños de cereal e de luz; mesmo unha igrexa románica desacralizada e semiderruida, cun ferroso tímpano decorado en relevo. Todos ofrecidos ó mellor postor. Nun dos casos, falábase duns inversores rusos que desbotaran a compra porque o Concello onde estaba ubicado o ben non autorizaba a aterraxe de avionetas na propiedade. No caso da capela falábase expresamente que o comprador posiblemente a desmontaría e a levaría fora de Galicia.

Sí, a este nivel andamos: a moito nivel económico pero a un dudoso nivel cultural.

Non vou entrar en consideracións legais sobre os posibles expolios que se producen nestas transaccións que teñen por objeto bens que, polos seus valores, perténcennos un chisco a todos. O comercio cos bens do patrimonio está permitido, incluso no caso dos bens co máximo grado de protección, os Bens de Interese Cultural (BIC). Pero non podo evitar pensar en casos como o do museo neoiorquino The Cloisters, sección do Metropolitan adicada ó arte medieval. A súa sede é un "pastiche" construido nos anos 30 do XX a partir de partes de abadías e mosteiros franceses e españois. Acordeime tamén do claustro, posiblemente auténtico románico-do-bon que foi descuberto decorando a piscina (non sei que outro termo empregar, aínda que se queda corto, porque non a decora, non a embelece, e que él é o centro de atracción ABSOLUTO!) dunha mansión de luxo en Palamós (Girona). E tamén do curioso caso dun suposto templo pagano instalado nos xardíns da Academia de España en Roma que resultou ser un hórreo vendido como “lote de pedras (sic)”. Ante a sea frustrada exportación -seica fora vendido a un americano- e localizado na cidade eterna antes de sair de Europa, non se puido devolver a territorio da Península polo elevado do coste e finalmente ficou na Academia, nunha manobra diplomática para mantelo nun territorio que, oficialmente, é español. Patrimonio ciscado polo mundo adiante, vendido para recadar e mercado para poder exhibir historia e civilización europeas.

O que me enfada é detectar, unha vez máis, ese sentimento tan pusilánime, esa difusa esperanza de que veña o de fora e asuma a restauración e posta en valor dese patrimonio. Sen nengunha garantía, por otra parte, de que se empreguen boas prácticas na restauración, nen de retorno socioeconómico das inversións nen de xeración de proxectos valiosos que axuden ó desenvolvemento do país ou ó desenvolvemento dalgunhas vidas neste país. Siempre pensamos en Galicia como plató para produccións cinematográficas e televisivas internacionais e nunca en potenciar a nosa propia industria audiovisual. Queremos que alguén de éxito e cheo de cartos nos veña salvar. Benvido, Mr. Marshall, poñémoslle a alfombra vermella aínda que pase por riba dela sen reparar en nós e se leve de paso uns cantos "lotes de pedras".


En todo caso, e recomendo que o vexades se vos vai esto do patrimonio ou da vida no rural; foi unha gozada de programa que permitía que nos asomáramos a estas xoias, incluindo en varios casos ós seus fascinantes interiores, á historia e á forma de vida que se desenvolveu nestes lugares, que todos os vendedores coincidían en extrañar con gran nostalxia. Espazos non estereotipados e entornos naturais nos que vivir e traballar podería ser un soño feito realidade.






Comentarios

Entradas populares